Manifesto
Logo de máis dun ano no que celebramos arredor 30 asembleas nas que, en total, deberon achegarse polo menos 200 persoas, percibimos e contastamos a necesidade de crear, dende a colectividade, un espazo propio, de todas, no que poder desenvolver as nosas inquedanzas artísticas, culturais, políticas e sociais sen ningún tipo de xerarquía. Un espazo autónomo e asembleario.
A pandemia e os anos previos levaron consigo a maior parte dos espazos de referencia para os movementos sociais na nosa contorna. Non marcharon todos, certo, pero quedou un oco que sentimos a pulsión de ocupar. E imos facelo.
Para iso, collemos o testemuño, a experiencia e a forza de miles de persoas que fixeron e aínda fan parte dos movementos sociais desta cidade e das súas manifestacións culturais, hoxe, silenciadas por unhas institucións centradas na explotación do turismo e da cultura de masas. Unha estratexia política que vai xusto na dirección contraria da cidade que imaxinamos. Unha cidade centrada nas persoas e na xustiza social.
Poñemos a mirada na dignidade incansable d’Os Ninguéns; na xenerosidade da Oficina de Dereitos Socias de Coia; na perseverancia do movemento ecoloxista; no labor do Sindicato de Inquilinas; en tódalas plataformas veciñais que non van polo rego; na xente que pelexou contra o despilfarro da instalación do barco de Coia no máis duro da crise; en tódalas veciñas que loitan, coa súa propia existencia, contra a xentrificación dos barrios e contra o urbanismo salvaxe que nos expulsa das nosas casas; nas persoas que tentaron por tódolos medios recuperar o patrimonio da Panificadora; nas que okuparon o Barrio do Cura e nas que tentaron frear a súa transformación nun edificio de vivendas de luxo; no activismo inesgotable das compañeiras de Ecoar; en tódalas manifestacións do antifascismo; nas loitas sindicais do metal, do naval e das máis recentes das empregadas de Vitrasa, dos bombeiros e de toda a clase traballadora organizada; nas veciñas de Beade e Bembrive que pelexan contra a construción dun vial que arrasaría un dos últimos espazos rurais da cidade; nas compañeiras que rexeitan a instalación de novas gasolineiras en zonas residencias; nas que sofren a masificación do turismo de consumo do Nadal; nas que defenden os espazos verdes contra o peor significado da palabra humanización; nas compañeiras de Nós Mesmas que pelexan sen apenas axudas públicas por organizar e acompañar a tódalas disidencias; nas amigas de SOS Racismo, que sinalan día a día a violencia social e institucional que sofren as compañeiras racializadas; nas artistas que se asocian para pelexar por espazos dignos para a cultura popular e underground; nos outros espazos autónomos como A Quinta da Carminha, A Cova dos Ratos, A Revolta ou o Faísca; miramos para todas elas e para moitas máis.
Queremos abrir un espazo transformador que sirva de refuxio e, sobre todo, de encontro para todas as persoas desta cidade que, coma nós, sinten esta necesidade de crear un lugar libre á marxe das institucións no que atoparnos, formarnos, compartirmos e defendernos.
Estamos a poñer as últimas pedras para abrir A Nubeira. Xa temos espazo: na rúa Pizarro, número 6. Para iso, somos xa arredor de 44 persoas que, ademais de traballar semanalmente para cumplir estes obxectivos, estamos xuntando cartos para que o proxecto sexa sostible no tempo. Facémolo, fundamentalmente, a través de cotas de socia, con eventos e co apoio indispensable doutras organizacións como Ecoloxistas en Acción e Anticapitalistas e co doutras que estamos a traballar para que se incorporen.
Queremos rematar convidándovos a todas a participardes neste proxecto que para nós está a ser ilusionante. Convidámosvos a vir ás asembleas e a tomar partido se tamén pensades que, coma nós, estamos orfas deste tipo de espazos. Convidámosvos a que faledes con nós ou de nós coas vosas amigas, coa vosa familia, coas vosas compañeiras. Nos bares, nas asembleas, na rúa.
Disque A Nubeira ten o poder de invocar treboadas. Nós queremos traer un raio de luz que alumee a cidade que imaxinamos.
